CRTVG

Buscar

Pontón pídelle ao Goberno central que recorra a sentenza de Meirás

Publicado o 25/02/2021 14:18

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, esíxelle ao Goberno central que "rectifique na errática decisión" de non recorrer a sentenza que obriga a indemnizar a familia Franco polo Pazo de Meirás. Ana Pontón considera "vergonzoso" o veredicto dende o punto de vista democrático.

Segundo dixo en declaracións á prensa fronte ao pazo, supón "un agasallo xurídico para os herdeiros do ditador porque lles abre o camiño a darlle a volta en instancias superiores".

Pontón cualifica de "labazada" á memoria democrática e ás vítimas do franquismo esta sentenza que, ademais de recoñecer a titularidade pública do inmoble, estima que a familia tivo o pazo "de boa fe".

A voceira nacionalista pídelle ao Goberno de Pedro Sánchez que "non rache a unidade e o clamor social que hai en Galicia" e atenda "a demanda da cidadanía". "Non podemos pagarlle nin un só euro á familia que tivo de xeito ilegal este pazo", asegura.

Ademais, considera vergoñenta a actitude do Goberno galego que valorou como "positivo" o veredicto. "Semella que a Xunta, de novo, quere amparar os intereses ilexítimos da familia Franco", critica.

O BNG rexistrou varias iniciativas no Parlamento galego e no Congreso neste sentido. Pola súa banda, a Deputación provincial, o concello de Sada e o da Coruña xa anunciaron que van presentar recurso.

A avogacía do Estado rexeitou apelar o veredicto por "razóns xurídicas" porque a Audiencia desestimou as probas achegadas para demostrar a "mala fe" da familia Franco. Deste xeito, un recurso de casación ao Tribunal Supremo resulta inviable ao non poder facerse unha "revisión probatoria".