CRTVG

Buscar

Pontón di que o proceso de reflexión foi frutífero, pero evita ratificar a súa continuidade á fronte do BNG

Publicado o 25/10/2021 16:47
EFE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apuntou que este sábado reunirase o Consello Nacional da formación e aprobará unha candidatura completa para renovar a dirección e que contará coas "mellores cabezas" para conseguir "gobernar a Xunta". A formación confía en que esta candidatura estea liderada novamente pola propia Ana Pontón despois dun proceso de reflexión que, destacou este luns, "foi positivo e frutífero".

Durante a súa etapa de reflexión recibiu "opinións e valoracións que agradezo moito", tanto de militantes como de dirixentes do BNG e tamén doutras persoas "que sen formar parte da organización, queren en 2024 un rumbo novo para este país e deixar atrás un goberno que está a facer cada vez unha Galicia máis pequena".

Con todo, na conferencia de prensa desta xornada non quixo ratificar a súa decisión sobre a súa continuidade á fronte da organización e remarcou que "o día 30 é a data límite" para anunciar esa decisión polo que "unha poida esgotar os tempos ou non". "Cando a decisión estea cento por cento madura, eu farei pública esa decisión", sinalou Pontón, lembrando que a dirección saínte fará unha proposta á asemblea que debe referendar ao novo consello nacional no conclave do próximo 7 de novembro.

En todo caso, asegurou que na reunión do sábado aprobarase "unha candidatura, que vai representar ás mellores cabezas, as mellores mans e os mellores corazóns para sacar adiante" unha tarefa de "grande envergadura", que é disputar "a hexemonía política" do PP. "Agora estamos a liderar a oposición pero en 2024 o que queremos é liderar a Xunta e iso require un traballo extenso e intenso", incidiu Pontón.

Así, Pontón sinalou que ademais da lista oficial "pode haber outras candidaturas", xa que o BNG é unha "organización moi democrática" en que calquera grupo de 15 militantes pode presentar unha candidatura ao Consello. 

Noticias web

25/10/2021