CRTVG

Buscar

Pontón considera "unha fraude" a proposta de pacto por Ferrol de Feijóo

Publicado o 28/05/2021 15:32

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este venres que a proposta de pacto de Estado por Ferrol do presidente da Xunta de Galicia é unha "fraude coa que quere tapar doce anos sen alternativas para a comarca". 

Nunha visita ao Centro de Investigacións Tecnolóxicas do campus universitario da cidade, reclamou "propostas e orzamentos no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado" en beneficio da comarca. Neste sentido, salientou como "sectores chave" o enerxético, o naval e o marisqueiro.

A dirixente nacionalista solicitou que se potencie a construción civil en Navantia e que os novos parques eólicos galegos estean vinculados a "proxectos industriais". Ademais, instou á rexeneración da ría ferrolá e á creación dun centro de investigación, desenvolvemento e innovación sobre a enerxía nas Pontes.

"Hai que dicilo con toda claridade, as solucións para Ferrol non van vir dun pacto de Estado-fraude que quedan nun titular", aseverou. Na súa opinión, Alberto Núñez Feijóo "saca da manga" esta iniciativa "para esconder doce anos de incompetencia política na comarca". 

Segundo Pontón, no balance deste tempo está "o fracaso de Pemex" ou o "peche de empresas de referencia", con "miles de empregos perdidos" pero a innovación e o desenvolvemento poden apontoar "o futuro do naval". En referencia aos estaleiros, criticou o seu "abandono e discriminación" e reclamou unha "aposta real" pola revitalización. 

Ao seu parecer, a "situación actual non é froito da casualidade, senón de decisións políticas que están a afundir" Ferrolterra. Por iso, asegurou que o BNG está a favor dun pacto de Estado pero considera "chocante" a formulación dunha proposta "sen alternativas" para os diferentes sectores.

Noticias web

28/05/2021