Pontón advirte de que a maioría absoluta do PP se disputa en Ourense
A candidata do BNG para presidir a Xunta de Galicia, Ana Pontón, asegurou este mércores que está convencida de que "vai ser en Ourense onde o PP perda a súa maioría absoluta" e onde se "poña fin a 11 anos dun Goberno absolutista e inútil".
Así o afirmou esta mañá durante a presentación da candidatura por Ourense no Centro Cultural Marcos Valcárcel, unha lista "top, de Champions" encabezada por Noa Presas, "unha voz poderosa, rebelde, que levou todos e cada un dos problemas de Ourense ao Parlamento de Galicia", salientou Pontón. De número dous irá o avogado Iago Tabarés, e de tres a exalcaldesa da Rúa María González Albert.
A tamén portavoz nacional do Bloque destacou que a candidatura pola provincia "combina a renovación coa experiencia" e "ámbitos sociais diferentes", cun "papel destacado" para "as mulleres". Todos os seus integrantes, subliñou Pontón, teñen "as mans libres para poder defender os intereses de Galicia e tamén os de Ourense, sen ter que pedirlle permiso a ninguén". "Isto é unha garantía de futuro porque levamos vendo demasiado tempo como o futuro de Galicia se hipoteca porque quen nos goberna está cun pé en Madrid".
A candidata mostrouse "convencida" de que nas próximas eleccións autonómicas do 5 de abril, o BNG vai gañar "a batalla definitiva", confía en "facer historia cunha muller á fronte da presidencia da Xunta" e remarcou que "Feijóo xa tivo en Ourense a súa primeira derrota" tras a polémica reapertura do paridoiro de Verín. O número oito da lista é, de feito, un dos médicos do centro, Eugenio Quintas Alborés.
Ademais, remarcou que "se equivocan o PP e o PSOE se cren que Galicia é bipartidista porque nunca o foi nin o será", e incidiu en que "a vella política do bipartidismo non mola nada", ao ser preguntada pola insistencia do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, nun debate a dous entre Alberto Núñez Feijóo e el.
Unha das prioridades da nacionalista, anunciou, será "acabar coa Galicia das dúas velocidades" mediante "unha estratexia transversal que aposte por poñer en valor todo o potencial do interior" para, así, "acabar co abandono da provincia de Ourense". Concretamente, referiuse á necesidade "dunha renda xusta para os produtores" e de "contratos homologados que preserven aos produtores fronte á industria", ademais de apostar polo I+D+i e por "facer fronte aos incendios forestais", relacionados, dixo, "co abandono que hai no medio rural". Para isto último, adiantou que centrará as súas medidas na posta en marcha "dun monte multifuncional que impulse especies autóctonas" e na promoción dos montes en mancomunidade. Tamén tratou a urxencia de "dotar de servizos públicos e máis persoal o interior para que non perda máis poboación" controlando desde Galicia as taxas de reposición.
Pontón prometeu un servizo ferroviario propio para a comunidade, o 'Galtren', que conectaría "Ourense entre vilas" con "prezos competitivos que van moito máis alá da chegada do AVE". Finalmente, a candidata nacionalista salientou que "hai unha gran corrente de simpatía cara ao BNG". "Nunca tanta xente me parou pola rúa para dicirme que desta ten que ir e que somos a esperanza".
Ana Pontón estivo acompañada esta mañá pola candidatura ao completo. Entre os presentes, a cabeza de lista pola provincia, Noa Presas, quen, na mesma liña, reprobou as palabras de onte de Feijóo en que afirmou que "Ourense conta hoxe con máis servizos públicos e máis oportunidades que hai 11 anos". Presas contestoulle expoñendo a baixada poboacional en Ourense, con "case 28.000 persoas menos".