CRTVG

Buscar

Pontón acusa ao PPdeG de "incumprir" o Estatuto e non irá aos actos do 40 aniversario

Publicado o 19/10/2021 16:21

Os actos de celebración do 40 aniversario do estatuto continúan este mércores no Parlamento de Galicia, coa presenza do expresidente Mariano Rajoy. Hoxe a voceira do BNG, Ana Pontón, avanzou que non vai asistir aos debates que mañá se celebrarán na cámara galega.

"Eu non teño ese acto na miña axenda. O que podo dicir é que na celebración destes 40 anos é unha pena que o PP votara en contra de que se cumprira o Estatuto como fixo a pasada semana no debate do estado da nación galega", asegurou Ana Pontón.

A voceira nacional do BNG pediu que se reclamen "as competencias pendentes" porque Galicia ten que "aspirar a máis capacidade para tomar as decisións máis relevantes aquí", pero "o PP votou en contra".

"Esa axenda que está a marcar Pablo Casado e que vimos nesa Convención de rearmamento ideolóxico en Valencia ten os seus efectos. O primeiro, que non se quere nin sequera cumprir o Estatuto", remarcou.

O voto en contra á súa proposta, indicou, "é unha incoherencia que terá que explicar o propio presidente da Xunta e por que pon encima a decisión do PP de defender a centralización fronte á defensa do interese de Galicia". 

Noticias web

19/10/2021