Pontón acusa a Xunta de "soberbia política" polo fracaso da candidatura da Ribeira Sacra
Ana Pontón acusa o Goberno galego de soberbia política polo feito de que a candidatura da Ribeira Sacra non conseguise ser Patrimonio da Humanidade. Di a nacionalista que foi unha candidatura feita sen diálogo social e reclama un plan de xestión e usos para o desenvolvemento económico da zona.
A portavoz nacional do BNG culpou este mércores o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, pola súa "incompetencia e soberbia política" do "dano sen precedentes" que provocou "á imaxe de Galicia" o "fracaso da candidatura da Ribeira Sacra" a Patrimonio da Humanidade.
No municipio de Pantón, onde mantivo unha xuntanza con colectivos sociais e responsables políticos da comarca, Pontón afirmou que "o contundente informe negativo contra a candidatura da Ribeira Sacra é a crónica dun fracaso anunciado, do que Feijóo é o principal responsable, por incompetencia e por soberbia política".
Desde o seu punto de vista, "é o máximo responsable de presentar unha candidatura mal enfocada e sen diálogo social". A líder do BNG opina que é "unha oportunidade perdida que provocou un dano na imaxe internacional de Galicia que non ten precedentes".
Desde o mosteiro de Santa María de Ferreira, dixo que o presidente da Xunta de Galicia ten que “dar explicacións políticas", porque o informe negativo de ICOMOS "é tan contundente que debería caerlle a cara de vergoña".
Na súa opinión, a candidatura non prosperou porque "o Goberno de Feijóo non fixo o seu traballo e a día de hoxe a Ribeira Sacra segue sen plan de xestión e de usos"; "actuou con soberbia e sen diálogo social coa comarca", e por presentar "patrimonio e paisaxe como un mero escaparate turístico fóra de contexto".
En todo caso, amosouse partidaria de "mirar cara adiante e poñer alternativas de futuro para a Ribeira Sacra", cunha prioridade clara: "desenvolver dunha vez por todas un plan de xestión e de usos" para a comarca.