CRTVG

Buscar

Pontón, a Feijóo: "Non colgue medallas coa xestión da pandemia; é mérito da xente"

Publicado o 13/10/2021 17:39

EFE/Lavandeira jr

EP

A portavoz nacional do BNG Ana Pontón presentou un "decálogo con obxectivos estratéxicos" para "pensar unha Galicia en grande" fronte a un presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo ao que afeou "pensar e actuar en pequeno". "No BNG queremos construír unha nova Galicia, unha Galicia en grande. E nese empeño seguiremos traballando, desde o optimismo da intelixencia e da vontade, man a man, cos galegos", proclamou na súa intervención a dirixente nacionalista, que se estreou nun debate do estado da autonomía como líder do principal partido da oposición.

Pontón, que reivindicou o "optimismo" do BNG co futuro de Galicia, debullou o seu decálogo, unha sorte de listaxe de obxectivos programáticos de quen, precisamente, se atopa tamén en pleno proceso interno asembleario, que culmina o próximo 7 de novembro. Con todo, non desvelou, polo momento, se a súa intención é continuar á fronte da formación e ser a candidata do BNG ás próximas autonómicas, nas que a formación nacionalista ten o propósito de presentarse co obxectivo de alcanzar a Xunta, como así figuran nos seus documentos políticos.

Así as cousas, Pontón explicou os puntos dese decálogo: autogoberno, concerto económico, rescate do sector industrial, infraestruturas, reforzar servizos públicos, ciencia e investigación, emerxencia climática, a igualdade, lingua e cultura e "defensa da democracia", actualmente "de baixa calidade, na que os poderes económicos fan e desfán sen presentarse ás eleccións".

Durante a súa intervención, Pontón ironizou coa "clase de moderación" de Feijóo, a pesar de que no seu "rearmamento ideolóxico" converteuse, dixo, no PP "máis ultra, máis centralista e máis antigalego" que o mandatario autonómico "abraza".

Pontón acusou o presidente da Xunta de situarse "á beira dos grupos de presión económicos". E así, quixo "lembrar algúns dos nomes das portas xiratorias que encabezan, por méritos propios, os expresidentes González e Aznar". "Quizais en 2024 vostede tamén aspira a cruzar algunha destas portas xiratorias. Isto explicaría moitas das súas decisións. Explicaría por que veta unha tarifa eléctrica galega, a súa negativa a unha empresa pública de electricidade ou por que está en marcha un boom eólico depredador que non respecta nin o medio rural nin o medio ambiente", acusou.

Pontón tamén se referiu aos fondos Next Generation, sobre os que advertiu que esperaba que non terminen "nun puñado de multinacionais" e non acaben como "unha oportunidade perdida". Ademais, pediu dedicar o 2% destes fondos á cultura.

Noticias web

13/10/2021