CRTVG

Buscar

Pontevedra xa non ten que recorrer ao Pontillón ao subir o caudal do Lérez

Publicado o 12/10/2017 14:07

Non choveu nada, pero aínda así o río Lerez rexistrou un aumento no seu caudal durante as últimas horas.  Segundo o goberno local, a causa desta suba no nivel do río débese a que a pasteira Ence reduciu o seu consumo de auga. Como consecuencia do incremento do caudal a cidade xa non ten que recorrer ás reservas do encoro do Pontillón para garantir o abastecemento da poboación.

Corenta e oito horas despois de que o concello de Pontevedra anunciase que tiña que recorrer á presa de Pontillón de Castro a causa da seca do río Lérez, rexistrouse un aumento do seu caudal. O nivel medio do río pasou de 1,9 a 3,10 metros cúbicos por segundo. O goberno pontevedrés sinala que a causa desta variación, constatada por Augas de Galicia, é que a pasteira Ence reduciu o consumo da auga. Pola súa banda a empresa nega ter que ver con este aumento, aínda que precisa que a fábrica aplicou medidas hai tempo para a redución do consumo. 

A consecuencia do incremento no caudal do Lérez, o concello deixou de recorrer ao encoro do Pontillón para garantir o abastecemento da poboación e continúa coa captación de auga no de Monte Porreiro, como é habitual. Deste xeito o río pontevedrés líbrase polo momento da declaración de alerta por seca que afecta outras moitas zonas da nosa comunidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/10/2017