Pontevedra supera os 250 casos e volve ás restricións máximas
Un ambiente triste e apagado respirábase hoxe nas rúas de Pontevedra tras coñecerse que o concello volve ao nivel máximo de restricións.
"Estamos todos tristes. As condicións cambian, anda un mirando para o chan, mirando para todo, pero isto ímolo superar", comenta unha señora, "Isto é unha fatalidade, a verdade eu non sei a quen botarlle a culpa", laméntase un veciño.
Había ata quen amosaba certo enfado. "É que non estamos preparados, ninguén sabe como é isto nin nada, isto de coller e pechar todo tampouco non é", afirma un veciño.
Onde máis se vai notar é na hostalería. Dani é un dos empresarios que peregrinou a Madrid na procura de axuda para o sector.
"Estamos en Galicia, é o mes de xaneiro, ou sexa traballar so coa terraza é inviable", fala Daniel Lorenzo, vogal de HOEMPO.
Algúns son máis optimistas. Luis tivo que darlle un novo rumbo ao seu local.
"Este é un local especializado en coctelería pero a verdade é que nos adaptamos un pouco aos horarios e as novas medidas e agora temos café, facemos almorzos e servimos a domicilio tamén. Sobrevive o que mellor se adapta, non o máis forte", comenta Luis López que é hostaleiro.
A covid dispárase na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, onde xa superaron o milleiro de casos activos.
"Eu non estou en Montecelo, pero creo que si o efecto Nadal estase notando, a xente non cumpriu as recomedacións, e así estamos", apunta unha sanitaria.
13 persoas con covid están ingresadas na UCI nesta área sanitaria.