Pontevedra podería seguir perimetrada no Nadal e Ourense, volver pechar
A menos dunha semana para o comezo das festas as cifras non traen boas novas na cidade de Ourense. Dos 104 de covid que tiña o 9 de decembro subiu ata 144. É unha suba do 30%. O xerente da área sanitaria cre que de aquí ao luns que se reúne o comité clínico hai tempo para frear os contaxios e que Ourense poida seguir aberta para o Nadal.
"Pero se non se produce este feito, a autoridade tomará a decisión que deba tomar para protexer o ben común e a saúde do conxunto da cidadanía. E se é preciso pechar, haberá que pechar", advirte o xerente da área sanitaria, Félix Ruibal.
Onde hai menos marxe aínda para darlle á volta á situación para o Nadal é na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
"Vendo un pouco a evolución, moi favorable en principio non é. E eu persoalmente non son optimista", aseguraba o xerente da área sanitaria, Xosé Ramón Gómez.
Non están dando os resultados doutras zonas as duras restricións que agora teñen 16 concellos, incluído o da capital.
"Aquí primeiro a evolución foi máis lenta, a baixada da incidencia acumulada, e chegou un momento en que parecen repuntar incluso as curvas", di o xerente da área sanitaria.
Pontevedra é a cidade con maior incidencia da covid de Galicia, máis de 200 casos por cada cen mil habitantes. Séguenlle Ferrol e Vigo con arredor de 180. Santiago aínda está lonxe desas cifras, pero seguen subindo. Só A Coruña e Lugo están preto do limiar do 100 casos por cen mil habitantes, un dos indicadores que adoitan marcar a fin do peche perimetral.