CRTVG

Buscar

Pontevedra recuperará o seu 'botellódromo' para evitar problemas de convivencia

Publicado o 13/10/2021 17:54
Pontevedra recuperará o seu 'botellódromo' para evitar problemas de convivencia
EFE

O Concello de Pontevedra reabrirá o seu 'botellódromo', un espazo habilitado nas inmediacións do recinto feiral para evitar problemas de convivencia durante as fins de semana no centro histórico da cidade.

A portavoz do Goberno municipal, Carme da Silva, lembrou que o consumo de alcol neste espazo se permitía desde 2008, logrando que o 'botellón' quedase erradicado de zonas residenciais ou comerciais.

Pero a pandemia primeiro e a Lei de saúde pública de Galicia despois, ao prohibir o consumo de alcol en espazos públicos, "volveron xerar un problema que en Pontevedra estaba resolto desde hai anos", segundo da Silva.

A pesar desta normativa, os servizos xurídicos do Concello consideran que o recinto feiral está catalogado como "dotacional" polo plan urbanístico en vigor e non é parque, rúa ou outro espazo no que a lei prohibe expresamente o consumo de alcol.

Ante estas "características singulares", Pontevedra prevé reabrir o 'botellódromo' cando Galicia levante o estado de emerxencia sanitaria pola pandemia.

O Goberno local toma como referencia o Monte do Gozo, en Santiago de Compostela, onde, segundo explicou Carme da Silva, se realizaron actividades organizadas pola Xunta de Galicia durante este verán, en que se bebía alcol sen incumprir a Lei de saúde pública.

Da Silva engadiu que o Concello conta con "autonomía suficiente" para aplicar unha ordenanza municipal sen realizar unha consulta previa á Xunta de Galicia.

Noticias web

13/10/2021