Pontevedra e Ponteceso comezan a aplicar novas restricións, e reláxanse na área da Coruña
Dende as doce desta noite están en vigor novas restricións. Algunhas, como o uso obrigatorio da máscara en ximnasios, afectan a toda Galicia, pero as máis estritas só a algúns concellos.
Estes son os municipios que agora mesmo teñen as maiores restricións por mor dos casos de coronavirus. A maioría deles xa as tiñan, pero entran dous na lista: Pontevedra e Ponteceso.
Segundo os datos que manexa Sanidade, no concello de Pontevedra os casos de coronavirus non pararon de medrar desde o 22 de agosto. Agora mesmo hai 188 activos: concéntrase no municipio case a metade de todos os positivos da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés. Desde o domingo, detectáronse oito focos de contaxio. Un nunha cafetería e outro nunha empresa de pavimentos, pero a maioría procedentes de reunións familiares e de amigos.
As restricións aplícanse desde o xoves tamén no concello de Ponteceso, onde hai 28 casos activos de coronavius e onde se detectou un incremento de positivos nos últimos 14 días. En ambos os casos, no de Ponteceso e no de Pontevedra, Sanidade considera que agora mesmo hai un risco medio-alto de contaxio. Por iso se prohiben as reunións de máis de dez persoas, limítase a ocupación dos locais de hostalería e suspéndense as festas e as verbenas.
A evolución en positivo da pandemia na área metropolitana da Coruña supón que dende hoxe concellos como o de Arteixo teñan menos restricións.
Na práctica isto significa que se recuperan as reunións de dez persoas, o dobre do que estaba permitido ata o de agora, e tamén o servizo no interior das cafeterías, aínda que sen facer uso da barra.
En Arteixo respiran máis tranquilos tras o levantamento de parte das restricións que afectaban aos veciños. Arteixo queda coas mesmas restricións que as zonas da cidade da Coruña con maior incidencia da covid19. Entre elas: Agra do Orzán, Sagrada Familia ou Os Mallos. No resto, levantáronse as limitacións e equiparouse a situación da cidade á do resto dos concellos de Galicia onde non se detectaron gromos.
A cidade da Coruña recupera pouco a pouco así a nova normalidade.