CRTVG

Buscar

Pontedeume celebra a Festa das Peras

Publicado o 09/09/2018 18:19

Pontedeume segue inmersa na celebración das súas festas patronais. É o terceiro día das Peras, que este ano ofrecen un programa amplísimo de actividades: deporte, música, teatro, poesía e tamén un concurso de froitas para mostrar a variedade e a calidade do produto cultivado nas terras do Eume e de Ortegal.

Medio cento de participantes presentáronse ao concurso, que impulsan desde a Asociación de Froita Autóctona do Eume.

Traen aquí unhas corenta variedades de mazás, peras e pexegos, todas cultivadas na zona.

O concurso de froitas é protagonista neste terceiro día da Festa das Peras, unha tradición que honra desde mediados do século XIX a virxe das Virtudes e a San Nicolás de Tolentino, patróns de Pontedeume. A vila recibe miles de visitantes.

Os mómaros e os cabezudos percorren a vila estes días ao ritmo que marcan as gaitas. Mañá os fogos de artificio pintarán a noite de Pontedeume e o martes, a xira polo río e a verbena pecharán esta edición da Festa das Peras.

Noticias web

09/09/2018