CRTVG

Buscar

Pontecesures e Rianxo homenaxean a parella galega falecida en Sri Lanka

Publicado o 23/04/2019 21:28

Nas vilas natais de Alberto Chaves e María González sucédense os actos de repulsa polos atentados e en solidariedade coa familia. En Pontecesures, os veciños concéntranse dende as oito e media da tarde.

Centos de persoas concéntranse nesta praza da vila en apoio da parella falecida en Sri Lanka. María González e Alberto Chaves vivían en Pontecesures. E de aí son tamén os pais da moza. Con este acto, os veciños queren amosarlles o seu apoio ás familias e rexeitar os atentados terroristas. Un pleno celebrado este mediodía acordou decretar tres días de loito oficial na vila. Nese tempo as bandeiras van ondear a media hasta.

Un impoñente silencio rodea a casa onde viven os pais da moza de Pontecesures falecida nos atentados de Sri Lanka. Tamén está pechada a empresa familiar, un negocio de confección e venda de roupa de traballo situado en Padrón. María González, de 32 anos, fora pasar as vacacións de Semana Santa coa parella. Ambos almorzaban no hotel, no seu último día de viaxe, cando os sorprendeu a cadea de atentados. A moza é filla única. A súa morte deixou a familia arrasada coa dor.

A traxedia conmocionou toda a vila de Pontecesures, onde as vítimas e a súa familia son moi coñecidas. O pleno do Concello decretou tres días de loito oficial na vila.

Tres días de loito en Rianxo

Tamén en Rianxo decretaron 3 días de loito. De alí era natural Alberto Chaves. Os seus veciños lembrárono este mediodía cunha concentración silenciosa. O tempo pasa devagar no lugar de Rial, en Rianxo. Aquí viven os pais de Alberto Chaves. Recibiron a fatal comunicación a través do consulado.

Chamáronos ás catro da mañá para darlles a noticia máis terrible das súas vidas. Había apenas un mes que viran o seu fillo; estivera en Galicia de vacacións e acudira ver os seus pais e o seu irmán. Na parroquia de Santa María de Leiro todos están conmocionados. Os veciños de Rianxo gardaron este mediodía un minuto de silencio en lembranza das vítimas. Con este acto quixeron apoiar a familia neste momento de dor e tamén amosar o seu rexeitamento aos atentados.






 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/04/2019