CRTVG

Buscar

Ponteceso mantén o desaloxo de tres familias por carencias de seguridade no inmoble

Publicado o 07/10/2019 21:23

O Concello mantén o desaloxo por precaución. Así o decidiron tras consultar os técnicos municipais. Esta mesma tarde revisaron o estado da parede do baixo que semella ser a causante das fendas, tras intentar o dono abrir unha porta de garaxe. Pola mañá advertiran o dono do baixo de que tiña que apuntalala, pero os técnicos consideraron esta tarde que a execución dese apuntalamento non foi satisfactoria e a seguridade non está garantida.

O Concello vai abrirlle ao dono do baixo un expediente de reposición da legalidade porque para acometer as obras non pedira os permisos pertinentes.

Vaia susto levaron os veciños deste edifico de Ponteceso. Empezaron a escoitar ruídos e, de súpeto, viron como se abrían fendas do grosor dunha moeda nas paredes das súas vivendas. Alarmados, chamaron os equipos de urxencia. Como medida de precaución, as tres familias que residen no inmoble foron desaloxadas.

A orixe dos danos parece estar nas obras para abrir unha porta de garaxe no baixo do edificio. Cando pararon os traballos tamén pararon as fendas. A parede en que obraron resultou ser un muro de carga. No Concello non lles consta que o dono do baixo pedise os permisos pertinentes.

Os técnicos do Concello de Ponteceso ordenaron a paralización da obra e obrigaron o dono do baixo a apuntalar a parede para garantir a seguridade do edificio. A volta das tres familias desaloxadas queda condicionada á realización deses traballos.

Noticias web

07/10/2019