Ponteceso e Vimianzo afánanse en limpar os estragos que deixou a borrasca Karim
Así quedaba este supermercado de Ponteceso.
A borrasca Karim deixaba en toda Galicia unhas 300 incidencias menores, con danos materiais en mobiliario urbano, caída de árbores, e inundacións en rúas, estradas e locais.
Co tempo máis calmo, hoxe é día de limpeza, de valorar danos e achicar auga.
Ponteceso foi un dos lugares máis afectados. Coas riadas de onte a auga entraba descontrolada nas casas, nos garaxes e nos negocios. Tamén derrubou muros de contención.
Os veciños afanábanse hoxe en limpar as súas vivendas.
A Xunta mantén este domingo activado o plan especial para o risco de inundacións ante a posibilidade de que poidan producirse novos desbordamentos.
E malia que xa houbo un descenso significativo no caudal do río Anllóns, o Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) con Protección Civil continuou este domingo achicando auga nos locais afectados polas enchentes.
Tamén en Vimianzo efectivos do 112 continuaron esta mañá despregados pola localidade realizando tarefas de limpeza e achique. Neste concello as chuvias deixaban as rúas totalmente asolagadas, algunhas estradas quedaban intransitables, e inundábanse vivendas e locais. Os refachos de vento acadaron alí os 157 quilómetros por hora.
En Zas repetíase a mesma imaxe. Alí a borrasca tamén deixaba valores extremos de chuvia, superábanse onte os 87 litros por metro cadrado.
En Muros, aínda hoxe se poden ver os estragos do temporal. Os fortes refachos de vento tombaron este sábado varios veleiros. As embarcacións quedaban estragadas.
Máis ao sur da comunidade, en Samil, a borrasca tamén deixaba as súas pegadas, principalmente coa caída de pólas.