CRTVG

Buscar

Ponteceso comeza a recuperarse dos estragos que deixou a borrasca

Publicado o 21/02/2021 20:30

Día de facer reconto de danos.

Ponteceso foi un dos lugares máis afectados pola borrasca. A auga entraba con forza nos garaxes, nos comercios e nas casas. Tamén derrubou muros de contención.

"A auga vén desde alá arriba, desde bastante alto, e tirou o muro de contención e meteuse con barro na casa, nós non estabamos dentro. Danou unha parte da estrutura da casa, que está baleira, e na nosa entrou para dentro no baño", di unha veciña.

E moitos negocios quedaban completamente asolagados, coma este supermercado da vila. 
O Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) con Protección Civil continuou este domingo achicando auga nos locais afectados polas enchentes. Os veciños afanábanse tamén en limpar as súas vivendas.

"Estivemos ata as sete da mañá con moitas bombas e agora parece que se vai normalizando, entrou no terreo pero estivo a punto de entrar dentro da casa", di un veciño.

"Sobe moito en pouco tempo, ves un pouco de auga e de repente ves unha avalancha que non sabes que facer"

Pero esta situación non é excepcional en Ponteceso. Na localidade quéixanse de que este é un problema habitual cando chove en exceso, o río Anllóns desbórdase con demasiada frecuencia. Así nolo contaba o propio alcalde de Ponteceso, que traballa tamén como voluntario de Proteccion Civil.

Lois García Carballido, alcalde de Ponteceso e voluntario de Protección Civil: "A auga que vén para aquí vén de moitos quilómetros á redonda, vén desembocar aquí no canal que desemboca no río Anllóns, fai un embude e é o problema tan recorrente que temos sempre".

A última enchente grande que lembraban fora no ano 2016.

Noticias web

21/02/2021