Ponteareas e Ares adaptan a celebración do Corpus pola pandemia
Ponteareas non quixo que o coronavirus lle roubase un ano máis a celebración do Corpus Christi. As rúas da vila volveron lucir alfombras florais, aínda que a metade das habituais, máis pequenas e con menos visitantes a velas.
Non foi coma sempre, pero mantívose a esencia da celebración, incluída a procesión do Santísimo e a chuvia de pétalos.
Ares tampouco cruzou os brazos e, como alternativa ás alfombras florais, os veciños decoraron as fachadas de vivendas e establecementos.
Lamentan que non hai comparanza coa festa tradicional pero detrás de moitos dos adornos non falta esforzo. Complicacións e horas, como as empregadas por Celtia e o seu pai para faceren este pavón, que leva boa parte das miradas.
Ponteareas e Ares plantan así cara á situación pero coa vista posta en 2022, cando esperan recuperar a tradición das alfombras plenamente.