CRTVG

Buscar

Ponse en marcha o segundo punto covid-auto no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Publicado o 17/09/2020 18:07
Ponse en marcha o segundo punto covid-auto no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

A área sanitaria de Vigo anunciou a posta en marcha dun segundo punto covid-auto, que se situará no Hospital Álvaro Cunqueiro, para a realización de probas PCR, ante o incremento na demanda destes tests, e que se sumará ao punto que xa funciona na entrada do hospital Meixoeiro.

Así, despois de varios episodios de atascos e conxestión de tráfico nas inmediacións do Meixoeiro, este xoves púxose en marcha un segundo dispositivo, que se iniciou en modo piloto con 50 probas para validar o seu funcionamento.

O novo punto covid-auto está situado no exterior norte do hospital Álvaro Cunqueiro, ao nivel do segundo piso do edificio, e permite aos usuarios achegarse sen baixar do seu vehículo para a toma de mostras nasofarínxeas.

Unha vez validado este emprazamento, nos próximos días introduciranse melloras loxísticas e de estrutura (por exemplo, a instalación dunha carpa) para garantir o correcto funcionamento do servizo.

A partir do luns próximo iniciará a súa actividade de forma sistemática e este punto covid-auto estará operativo de luns a venres en horario de mañá e de tarde, e atendido por un equipo de 3 profesionais (dous de enfermería e un técnico de coidados auxiliares).

Estímase que, cada día, poderán realizarse unhas 600 probas PCR, aínda que podería ampliarse a marxe.

A realización de tests nestes puntos funciona con indicación facultativa e con cita previa, é dicir, debe ser o médico o que prescriba a realización da proba, dentro dos criterios establecidos no protocolo (pacientes con sospeita clínica de padecer covid-19, contactos estreitos de casos positivos, ou persoas que van ser sometidas a unha intervención cirúrxica).