CRTVG

Buscar

Testemuñas do atropelo de Londres din que o atacante berrou "vou matar todos os musulmáns"

Publicado o 19/06/2017 07:04

O atropelo, perpretado cerca dunha mesquita, deixou polo menos unha vítima mortal e dez feridos, oido deles hospitalizados

Novo ataque en Londres con múltiples vítimas. A Policía Metropolitana confirmou a morte dunha persoa no atropelo acontecido esta noite preto dunha mesquita ao norte de Londres. Unha furgoneta arremeteu contra os fieis que saían do rezo. Polo menos, hai dez feridos, oito deles hospitalizados. Unha persoa está detida.

Scotland Yard afirma que o ataque é un atentado terrorista de acordo á metodoloxía empregada. Segundo apuntaron, polo momento crese que foi un só individuo quen atropelou os fieis que acababan de finalizar as súas oracións na mesquita e precisou que dous dos oito hospitalizados están en estado crítico.

Segundo testemuñas do ataque, o atacante berrou "vou matar todos os musulmáns" antes de ser reducido pola xente que estaba preto da mesquita, o que permitiu a sú aposterior detención.

Pasaban das doce da noite, hora local, e os servizos de emerxencia eran alertados de que unha furgoneta arremetera contra un grupo de persoas. O atropelo múltiple sucedeu preto da mesquita de Seven Sister Bulevar. As vítimas saían do rezo do Centro de Benestar Musulmán, como contan a testemuñas. 

"Estaba todo ateigado, agora é Ramadan. Moita xente estaba na mesquita. Estaban rezando e, xusto cando acabaron, saíron da mesquita e entón veu a furgoneta e foi contra eles", conta esta testemuña. 

"Vin de 8 a 10 persoas. Algunhas tiradas no chan", afirmaba outra.

Estoutra testemuña fala de que había outros dous homes na furgoneta que escaparon correndo. E que poden estar nalgures en Finsbury Park: "Están nalgures".

Non dubidan de que foi un ataque terrorista. E que o atacante non era ninguén enfermo nin bébedo: 
"Por suposto que é un ataque terrorista. Non estaba enfermo. Non estaba bébedo".

O detido é un home de 48 anos do que non trascendeu a identidade. Foi arrestado no mesmo lugar do atropelo despois de que o retivera a multitude ata que chegou a policía. 

A primeira ministra británica cualificou de terrible este suceso. Theresa May presidirá nas próximas horas a reunión do Comité de Emerxencia, ao que acudirán os principais ministros e representantes das forzas da orde, para abordar este novo ataque. 

O Consello Musulmán Británico non dubida da intencionalidade do ataque e fala de violenta manifestación de islamofobia, a máis grave, din, das que levan padecendo nas últimas semanas e meses.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2017