CRTVG

Buscar

Un naufraxio en Lanzarote deixa oito migrantes mortos e un desaparecido

Publicado o 25/11/2020 15:23

Estaban a poucos metros de alcanzar o seu destino cando a embarcación en que viaxaban uns 40 inmigrantes de orixe magrebí chocou contra unhas rochas volcánicas en Órzola, ao norte de Lanzarote.

Os berros de auxilio alertaron varios veciños e os servizos de salvamento, que iniciaron un rescate agónico, complicado pola escuridade e o mal estado do mar. Lograron poñer a salvo 28 inmigrantes.

Catro corpos foron rescatados sen vida, e outros catro foron localizados nas últimas horas. Todos son varóns novos.

Unha persoa máis estaría desaparecida. Os superviventes contan que saíron hai tres días de Agadir, en Marrocos, con destino ás Canarias.

A chegada constante de inmigrantes complica a situación nas illas. Uns 6.000 están aloxados en hoteis, entre eles 455 menores.

As autoridades canarias esixen que se deriven inmigrantes a outras comunidades.