CRTVG

Buscar

Polo menos catro positivos nun gromo no hospital de Ferrol

Publicado o 31/12/2020 19:35
Polo menos catro positivos nun gromo no hospital de Ferrol

Un gromo de Covid-19 derivou na detección de, polo menos, catro positivos por coronavirus no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, confirmaron este xoves fontes da Consellería de Sanidade.

Así, a incidencia produciuse no quinto andar do Hospital Arquitecto Marcide. As mesmas fontes aseguraron que se aplicaron "os protocolos oportunos" e que se procedeu ao rastrexo de pacientes e á apertura dunha "investigación".

"Son catro os positivos detectados ata o momento en máis de 40 probas realizadas ata agora", engadiron. A área sanitaria de Ferrol, segundo a información diaria do Servizo Galego de Saúde, alcanzou este xoves os 312 pacientes con infección activa por covid-19, 15 menos que a víspera.

Por outro lado, no caso concreto da cidade de Ferrol, pasouse do mércores ao xoves de 89 a 103 novos casos diagnosticados, 14 máis, grazas a probas de infección activa realizadas nos últimos 14 días.