CRTVG

Buscar

Os ministros de Pesca da UE acordan importantes reducións nas capturas

Publicado o 17/12/2020 15:13

• Os 27 pechan as negociacións despois de case 24 horas

• Importantes diminucións de capturas da frota pesqueira

Tras máis de 21 horas de negociación, os ministros de Pesca da unión Europea lograron un acordo sobre as posibilidades de pesca para a frota comunitaria en 2021 tanto para o Atlántico e o mar do Norte como para o mar Mediterráneo.

O consenso chegou pasadas as oito da mañá, despois de que iniciaran os debates o mécores ás dez da mañá e, posteriormente, comenzara unha longa xornada de reunións entre delegacións nacionais e coa Comisión Europea.

Luís Planas, ministro de Agricultura, Pesca e alimentación, afirmou que este acordo permite garantir a continuidade da actividade pesqueira da frota española durante 2021 e confirma o compromiso de España coa sostibilidade dos rescursos e o medio ambiente.

A complexidade da negociación dificultou a rápida consecución dun acordo. A Comisión Europea formulaba recortes importantes nas cotas de especies de grande interese para España, como a pescada sur, así como unha redución drástica dos días de pesca no Mediterráneo. 

No caso das pesqueiras afectadas polo brexit, 119 de 146, prorróganse as cotas de 2020 durante o primeiro trimestre do ano, período en que, en función da especie, poderase pescar o 25 % das cotas das pesqueiras compartidas e, en caso dalgunhas especies como a xarda, xurelo ou a bacalada, logrouse elevar ata o 65 % en atención ao seu ciclo estacional anual.

Cotas por especies 

España conseguiu minimizar os recortes de cotas de pescada sur, o TAC descenderá finalmente un 5 % fronte ao 13 % da proposta inicial.

O linguado baixa un 20 %, cando se partía dunha redución do 41,5 %.

O xurelo sur incrementa un 5 % do TAC, froito da recomendación ICES polo bo estado desta especie.

As cotas de meiga e peixe sapo do sur experimentan diferentes recortes.

O TAC da anchoa do Cantábrico queda establecido en 33.000 toneladas retomando o máximo nivel de capturas previsto para esta pesqueira, que sobe un 3,5 % respecto ao ano anterior.

En relación co lagostino do Cantábrico, a Comisión Europea e España comprometéronse a continuar traballando para solicitar, no primeiro trimestre de 2021, unha revisión da recomendación científica sobre os resultados das campañas sentinela que se veñen realizando.

O lagostino do golfo de Cádiz, a redución inicial do 20% quedou finalmente nun 15 %.

Regulamento do Mediterráneo

O Consello de Ministros da UE aprobou o regulamento para o que se fixan os días de pesca no Mediterráneo occidental. Os argumentos achegados ao longo da negociaicón permitiron rebaixar ao 7,5 % sobre o período de referencia o recorte do 15 % recollido na proposta inicial.

O resultado supón unha mellora de 9.176 días respecto á proposta inicial, o que supón 17 días laborables máis de media para cada un dos buques de arrastre español no Mediterráneo.

Noticias web

17/12/2020