CRTVG

Buscar

Policías e civís armados impiden o acceso da oposición ao Parlamento venezolano

Publicado o 16/01/2020 16:03

O líder opositor venezolano Juan Guaidó, a quen case 60 países recoñecen como presidente interino, convocou este mércores unha sesión da Asemblea Nacional (AN, Parlamento) nun anfiteatro de Caracas, logo de que unha comitiva de parlamentarios fora atacada por civís armados. Unha mensaxe da AN en Twitter asegura que Guaidó e a xunta directiva da Asemblea poden convocar unha sesión, segundo o regulamento da Cámara, "en sitios diferentes ao hemiciclo".

A sesión terá lugar nun anfiteatro do sector El Hatillo, no leste de Caracas, mentres que se espera que no Palacio Lexislativo realice unha sesión a Asemblea Nacional Constituínte ( ANC), composta só por oficialistas e que non é recoñecido por parte da comunidade internacional. Segundo o Twitter da AN, a sesión comezará ás 12.30 (16.30 GMT). Nun inicio, Guaidó expuxo realizar a sesión este mércores en lugar do martes, tal e como é habitual no Parlamento debido a que onte convocaran os chavistas unha gran marcha. Ademais, o presidente Nicolás Maduro acudiu ao Palacio Lexislativo para dar ante a ANC o seu discurso anual á nación en lugar de facelo ante o Parlamento como é habitual.

Con todo, na mañá deste mércores a sede da AN amenceu rodeada por funcionarios da Policía Nacional Bolivariana (PNB) e a Garda Nacional Bolivariana (GNB, policía militarizada), así como por grupos de civís armados chamados "colectivos", que se autoproclaman defensores da revolución bolivariana e que son considerados como paramilitares pola oposición e por grupos de dereitos humanos. Por iso, unha comitiva de deputados dirixiuse ao Palacio Lexislativo para constatar a situación. Durante o camiño, foron tiroteados e agredidos polos civís armados, razón pola cal decidiron retirarse.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/01/2020