CRTVG

Buscar

Polémica veciñal en Perillo polo peche da N-VI para poñer dúas pasarelas

Publicado o 07/08/2019 13:31

As instalacións de dúas pasarelas peonís en Perillo, no concello de Oleiros, obrigará ao peche da Nacional VI. Os veciños de Oleiros e de Cambre denuncian que o tráfico se vai desviar por vías urbanas en lugar de facelo polas de alta capacidade como a AP-9, o que pode colapsar a circulación.

A construción destas dúas pasarelas faise para evitar precisamente isto, que algunhas persoas crucen a Nacional VI ao seu paso por Perillo, unha vía que, segundo os datos de Fomento, soporta unha intensidade media de sesenta mil vehículos diarios. A súa instalación vai obrigar a pechar a estrada.Os veciños non discuten a instalación das pasarelas, pero si denuncian que durante o peche da Nacional VI, o tráfico vaise desviar por vías urbanas e non polas de alta capacidade como a A6 e a AP-9. Isto din que vai provocar un colapso da circulación nesas vías. A Costa da Tapia, xa no concello de Cambre é unha desas vías que van soportar o tráfico da Nacional VI. Para os veciños vai ser un caos.

"A min paréceme unha tolemia, xa co que hai aumentar o que pasa pola VI, unha tolemia". "Paréceme fatal porque non van dar saído da costa da Tapia. Aínda así hai moito tráfico todos os días, imaxínate se o poñen todo por aquí". "Pero como o van desviar, van pechar as dúas vías?". "Pero isto será un caos, un caos total porque chegamos aí ao Burgo e que facemos aí na ponte... Supoño que será un caos total".

Porén, hai algún máis paciente, que cre que a seguridade dos peóns está por riba de todo.
"Se teñen que facer as pontes é normal que ten que parar, pero creo que o fan de noite".

A Nacional VI só permanecerá pechada durante dúas madrugadas: a de hoxe para mañá e a do dezanove ao vinte de agosto, segundo as previsións de Fomento.

Noticias web

07/08/2019