CRTVG

Buscar

Lea en Cerdedo-Cotobade pola pechadura e as tallas ‘restauradas’ dunha capela

Publicado o 14/12/2020 15:32

Un cambio de pechadura na capela de San Xusto e a polémica restauración dunha talla manteñen enfrontados a comuneiros e veciños deste concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Tras este enfrontamento agóchase toda unha loita histórica polo desfrute e propiedade da capela.

Afirma Silvia Rivas, da Asociación cultural Amigos da capela de San Xusto Pastor:  "A capela de San Xusto é de uso e goce do pobo, e todas as actuacións que se leven arredor dela teñen que estar aprobadas pola asemblea, na Comunidade de Montes e ten que estar notificado ao pobo. Alguén veu e mudou a pechadura para quitarnos a chave á xente que a tiñamos nese momento e danaron a xamba da porta".

Segundo Óscar Pintos, da Comunidade de Montes San Xurxo de Sacos: "Viñemos aquí, abrimos a capela e había botellas de cervexa, latas de refresco, restos de comida... festas que se fan aquí dentro. Decidimos meter esa pechadura que hai".

Pola súa parte, Miriam Barros, presidenta da Asociación de Veciños e Festas, asegura: "Iso todo baixouse para a capela porque na casa do pobo non nos deixan ter nada. Xamais houbo festas clandestinas, porque é imposible sen haber correntes, sen ter medios... que sentido ten?".

Neste contexto os veciños tamén chamaron a atención sobre a restauración dalgunhas das tallas da parroquia. Cuestionan como se acometeu, aínda que descoñecen se están ou non protexidas.

Respecto ao cambio de pechadura, os comuneiros presentaron denuncia na Garda Civil para xustificar a súa decisión. Mentres, os veciños, que xa puxeron en coñecemento do Concello o sucedido, anuncian que chegarán ata o final ante o que consideran un delito contra o patrimonio.

 

Noticias web

14/12/2020