CRTVG

Buscar

Polémica en Catoira pola roza de 20 a 30 toneladas de piñeiro

Publicado o 16/06/2021 14:13

Valentín acaba de levar unha sorpresa desagradable á conta dun monte que ten na parroquia de Dimo, en Catoira. Está na beira dunha estrada da Deputación de Pontevedra e soubo por casualidade que a fin de semana pasada lle cortaron varios piñeiros sen previo aviso. 

Valentín Sumay, dono dos piñeiros: "Terían que avisarnos de que hai que cortar a madeira e, se non a cortamos nós, córtana eles, pero antes terán que avisarnos e aquí non houbo notificación de ningunha clase".

Calcula que do seu monte e do duns curmáns levaron entre 20 e 30 toneladas de madeira de piñeiro co agravante de que el xa tiña apalabrada a venda cun madeireiro de Catoira. 

Valentín Sumay, dono dos piñeiros: "Entre 500 e 600 euros. Eu tíñaa vendida, pero estaba sen cobrar, se non a ver que lle digo ao Fragueiro que levaron a madeira. Agora queda así, pero vaime ao peto a min, non á Deputación".

A madeira que reclama Valentín era o dobre desta morea. O capataz da empresa díxolle que o contrato coa Deputación lle permitía quedar coa madeira que cortaran.

Valentín Sumay, dono dos piñeiros: "Se a quero, teño que pagala, aínda por riba. A razón de 250 euros cada tractor, que me vai a mil e pico de euros. Por riba de caldo, sopas. O prexudicado sempre é o paisano. Eles sempre teñen a razón".

Hai outras propiedades afectadas. A un veciño cortáronlle eucaliptos. Din que só un deles pesaba máis de seis mil quilos. E o que máis lles amola é que foron os donos dos montes, non hai tantos anos, os que cederon desinteresadamente o terreo para facer esta estrada onde antes había un camiño de carro.


 

Noticias web

16/06/2021