CRTVG

Buscar

Polémica pola participación dunha actriz porno nunhas xornadas de igualdade

Publicado o 07/11/2017 18:24
Polémica pola participación dunha actriz porno nunhas xornadas de igualdade

A elección da actriz porno Amarna Miller para participar o próximo día 16 nas xornadas de igualdade e prevención da violencia de xénero que promove o Concello de Ames suscitou a polémica.

En concreto, a formación local Pacto x Ames, creada por escindidos do PP, sostivo que non é "a persoa máis adecuada para falar dun tema tan serio e transcendente". "Non é o mellor modelo de feminismo para ofrecer á sociedade", recalcou a través dun comunicado.

E é que, ao seu xuízo, o cinema porno "representa o patriarcado capitalista máis rancio" e inspírase en "todo o contrario ao que significa a igualdade e a prevención da violencia" contra a muller.

"Está lonxe de representar o que significa a loita do movemento feminista", salientou Pacto x Ames, que sitúa as "prioridades" na "igualdade efectiva dos salarios" de homes e mulleres, o "traballo digno" para elas, a "conciliación" e a "igualdade de oportunidades".

Ademais, sostivo que o feito de que Amarna Miller elevase a voz en máis dunha ocasión para expresar a súa simpatía por Podemos evidencia que o PSOE á fronte do goberno amesán "vólvese pregar ao sector máis radical" da formación morada.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/11/2017