CRTVG

Buscar

Polémica arbitral na derrota do Celta en Xetafe no Alfonso Pérez

Publicado o 10/02/2019 12:59

A arbitraxe de González Fuertes condicionou o partido. Comezara mellor o Celta, co gol de Araújo antes de chegar ao minuto 2 pero, como lles pasou en catro dos últimos cinco partidos, os vigueses non foron quen de manter a vantaxe e deixaron que o Xetafe lles remontase o partido.

Remonta con polémica. A primeira neste penalti que lle sinala a Hugo Mallo. O lateral de Marín deulle as costas ao balón e levou por diante a Arambarri. Pero cando Mata ía lanzar, Maxi Gómez recibiu dous cartóns amarelos en breves segundos. O primeiro por dirixirse ao colexiado en sinal de desconformidade e o segundo, por aplaudir. Na mesma xogada, o Celta quedaba con dez e o Xetafe, Mata, empataba o partido. Era o minuto 38. E no 45, Hugo Mallo aproveitou o gran pase de Jozabed para facer o segundo, tanto invalidado por posición antirregulamentaria por centímetros. O VAR tardou case dous minutos pero confirmou a decisión, había fóra de xogo. Tamén ao Xetafe lle anularon un gol polo mesmo motivo, Mata estaba máis adiantado ca a defensa cando superou a Rubén.

Estaba con dez pero o Celta chegaba á porta rival... sen acerto, sen a puntería que tivo o Xetafe. Minuto 62, 2-1, Molina aproveitou a peiteada de Mata para superar a Rubén. Chegou entón o momento Iago Aspas. Cardoso meteuno no campo logo de mes e medio sen xogar. Co de Moaña o Celta envorcouse sobre a porta madrileña pero un erro de Rubén condeounos. O porteiro regaloulle o balón a Mata no 80 e o dianteiro non errou. 3-1, derrota no Coliseum e 24 puntos, 1 por riba do descenso.

Miguel Cardoso, adestrador do R. C. Celta: "Estamos vivos, moi, moi, moi vivos e imos pelexar cada minuto de cada partido, iso seguro".

A vindeira semana visita Balaídos o Levante.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/02/2019