CRTVG

Buscar

Polbo, viño, deportes extremos e moita música na segunda fin de semana de agosto

Publicado o 10/08/2019 09:49

Nas vésperas da semana máis festeira da temporada temos ofertas para todos os gustos: gastronomía, deporte, música ou mercados de época.

No epicentro do polbo á feira as potas levan días fervendo sen parar, pero o evento vai ir a máis esta fin de semana. O gran xantar da edición número 57 da tradicional Festa do Polbo do Carballiño celebrarase este domingo. A par do reclamo gastronómico haberá tamén actuacións musicais e a sua xa clásica Festa das Camisetas.

Esta fin de semana hai outra cita gastronómica en Ourense, pero máis ao leste. Na alameda de Verín inauguran esta tarde a Festa do Viño de Monterrei. Ata o domingo haberá degustacións dos mellores viños de 17 bodegas desta denominación de orixe e tamén actuacións musicais como Remembrer Queen, El Consorcio ou Leilía.

No interior da Mariña luguesa organizan a súa tradicional viaxe no tempo. A edición número 28 do Mercado Medieval abre esta tarde con máis de 150 postos de artesanía e gastronomía. Mañá será o día dos torneos medievais e da gran cea de época.

En Vigo xa está en marcha o seu gran Festival de Cultura Urbana e Deportes Extremos. Este ano, amais das competicións de skate, dirt jump ou descenso MTB, o Marisquiño incorpora como novidade o football freestyle e o big jump. E tamén coma sempre, moita música e food truk para todos os gustos.

E máis ao norte tamén hai varias mostras de cultura urbana en activo. Na Coruña conviven os personaxes e artistas da edición número XXII do Salón do Cómic Víñetas do Atlántico, cos concertos das 75 bandas que actúan nos múltiples escenarios que o Festival Noroeste ten repartidos por toda a cidade. Hoxe é un dos días grandes deste evento musical, coa actuación de Patti Smith esta noite na praia de Riazor.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/08/2019