CRTVG

Buscar

Chega maior volume de polbo das Canarias ou Marrocos e estáncanse os prezos

Publicado o 09/07/2019 13:15

Unha semana despois de que o polbo volvera ás lonxas galegas, as capturas seguen sendo escasas, algo que segundo o sector é normal a estas alturas. O que sorprende máis é que os prezos non suban. A explicación podería estar na chegada de maior volume do cefalópodo desde as Canarias ou Marrocos.

Hai un ano, o polbo cotizábase nas lonxas galegas a unha media cercana aos 11 euros o quilo. Había pouco, algo normal nesta época do ano, pero o que había tiña boa poxa. A día de hoxe, unha semana despois da apertura da veda, hai lonxas en que apenas se superan os seis euros e medio o quilo.

Emilio Queiruga, patrón maior da Confraría de Porto do Son "O grande vai a 8,50, o mediano a 7 e o  pequeno a 5,75. Os prezos? Non sabemos, é o mercado, e dependemos moito do que haxa en Marrocos, porque como ven moito de alí".

A escaseza non colle de sorpresa aos naseiros, que non chegan ao cupo de 200 quilos máximo por embarcación. Saben que a estas alturas o que hai é moita cría que non dá a talla. "Barcos que traían os cupos están traendo agora 30 ou 40 quilos, é moi pouco, pero é o normal destes meses, hai moito polbo pequeno, pero téñeno que descartar". Na poxa de onte, só se poxaron na lonxa de Porto do Son 119 quilos, aínda que a cantidade pode non corresponderse coa pesca que chega aquí.

"Todos os que collen o polbo aquí, se aquí vale pouco e en Ribeira collen máis para as pesqueiras do día, se o pequeno aquí vai a cinco e pico, alí ao mellor vai a seis ou sete euros, entón escápansenos para alí polo prezo, é normal".As poxas fanse semanalmente no Son, e adoita ser unha cooperativa de distribución de polbo conxelado a única compradora.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/07/2019