CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Pola saúde dos pacientes, o Colexio de Psicoloxía galego abriu, en 2017, 31 accións contra o intrusismo profesional

Publicado o 09/01/2018 21:22

Os psicólogos galegos instan á poboación, pola súa propia seguridade, a confirmar a titulación e a especialidade dos facultativos antes de poñerse nas súas mans e converterse nos seus pacientes. O Colexio Oficial de Psicloxía de Galicia tamén anuncia accións informativas para a cidadanía xa que, só en 2017, abriu máis dunha trintena de accións contra o intrusismo profesional.

A través da súa Comisión para a Defensa da Profesión e para a Prevención do Intrusismo, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia iniciou un total de 31 expedientes por posible intrusismo profesional en 2017. As actuacións abertas recollen diversas casuísticas, entre elas as de exercer funcións propias da psicoloxía sen contar coa titulación, sen a colexiación obrigatoria ou por publicidade enganosa.

"Os psicólogos profesionais, colexiados, titulados, con experiencia... Si que detectamos moitos casos doutra xente que fai publicidade enganosa. Vémolo moito sobre todo en quen publicita servizos para tratar problemas como a depresión, a ansiedade, a tensión... Son moitos os que ofrecen como solución supostamente psicolóxica dende quiromasaxes a todo tipo de técnicas que non teñen nada que ver coa Psixoloxía. A Psicoloxía está sometida a un código deontolóxico, actúa doutro xeito, persoalmente, cada caso individualizado, atendendo ao congnitivo e a oa emocional, á mente, ás emocións, aos sentementos...", di Julio Prol, psicólogo xeral sanitario.

Segundo o Colexio de Psicoloxía de Galicia, a crise económica fixo abrollar falsos profesionais que aproveitan a vulnerabilidade das persoas, o que supón un verdadeiro risco para a saúde. Pola relación directa do seu traballo co estado das persoas, denuncian especialmente casos en que se anuncian como especialistas en psiciloxia clínica, sen contar con esta especialidade.

"E cando un falso psicólogo trata un paciente normalmente non lle dá resposta aos seus problemas, o que é máis, con iso pode causar que mesmo espeore o estado da saúde ou do benestar das persoas. Por iso, os psicólogos profesionais instamos a que se vixíe e tomen as medidas oportunas", di Julio Prol, psicólogo xeral sanitario.

Cualifican o instrusismo, máis que de calote, de estafa, porque as consecuencias poden ser nefastas sobre os pacientes, e porque amais, o intrusismo prexudica gravemente a imaxe social da Psicoloxía, que, como disciplina científica, emprega métodos contrastados e rigorosos, e que está suxeita a un código deontolóxico.

Dende a Comisión para a Defensa da Profesión e para a Prevención do Intrusismo, adiantan que neste 2018, con distintas campañas e actividades, promoverán e facilitarán un mellor coñecemento do que é a psicoloxía profesional entre a cidadanía.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

09/01/2018