Pola igualdade e empoderamento feminino, 150 galegas do rural son Mulleres de Seu
Cando falta menos dun mes para o Día da Muller, 150 mulleres traballadoras do rural galego van celebrar xuntas a data e por quinto ano consecutivo. Son as chamadas Mulleres de Seu. Elas din que se conseguiron avances, pero que aínda queda moito por facer pola igualdade.
Mónica Landeira, socia de Mulleres de Seu e de CLUN: "Sempre fixemos un pouco de todo, porque temos a carga familiar. As mulleres de sempre no rural tivemos que levar o fogar, coidar dos fillos, tamén dos nosos maiores e a maiores facer as tarefas profesionais do rural, como as da gandería. Por iso, traballamos agora na igualdade, que no rural todos os traballos os fagamos entre todos, mulleres e homes".
Pola igualdade de responsabilidades, pero tamén de dereitos e de recoñecementos, tamén no campo, traballan, de seu, as profesionais de Mulleres de Seu.
Mónica Landeira, socia de Mulleres de Seu e de CLUN: "Somos un grupo de 150 socias, a maior parte de nós somos gandeiras... A meirande parte somos socias gandeiras, aínda que tamén hai empregadas de cooperativas, estamos integradas dentro de CLUN, as cooperativas de leites unidas. Naceramos xa en 2013 dentro da cooperativa de Feiraco, pero logo coa unión de outras cooperativas, de Melisanto e Irmandiños, pasamos a ser un colectivo profesional de mulleres dentro de CLUN. Comezamos formándonos para conseguir que as mulleres poidamos acceder a postos de nivel dentro da cooperativa, para poder formar parte do consello reitor... E segundo fomos avanzado e aumentando as socias, fomos ampliando as formacións a outros eidos e temas máis. Facemos formacións, pero tamén facemos moitos encontros e vaixes a ver como funcionan noutros sitios. Aínda queda moito camiño por andar pero imos avanzando pouco a pouco".
Nin tan pouco a pouco, as rurais, no rural, avanzan a prol da igualdade e do empoderamento, con máis recoñecemento, máis visibilidade e máis presenza en comités, consellos reitores e postos de xestión ou dirección. Pola dirección tomada durante xa un lustro para eliminar barreiras de xénero no rural e facer do noso rural unha sociedade máis dinámica e cohexionada, Mulleres de Seu xa ten de seu premios coma o de Cooperativas Agroalimentarias de España de Igualdade de Oportunidades e o da Xunta Agader 2018.
Mónica Landeira, socia de Mulleres de Seu e de CLUN: "Sempre o rural segue máis esquecido, en cousas básicas como que vaia ben Internet, fundamental hoxe por hoxe para traballar no rural tamén, ou padecer as peor comunicación, é difícil de conseguir ata cobertura dun móbil. O noso rural precisa agora de nós, de moitas mulleres, pero é que tamén estamos necesitados de homes no sector... Porque isto está decaendo".