CRTVG

Buscar

Os podólogos recomendan para o curso calzado de calidade e axeitado a cada tipo de actividade

Publicado o 11/09/2019 21:53

Os máis pequenos da casa estrean estes días material escolar, pero tamén roupa e calzado. Este non só debe ser axeitado para cada idade senón tamén para cada actividade que o neno vaia facer. Os podólogos aconsellan revisións, sobre todo, mentres medran.

Novo curso, e novo calzado... Non son novas pero si necesarias certas recomendacións profesionais.

"O mellor é antes de mercar, medir o tamaño do pé por fóra e por dentro. O calzado debe superar polo menos en medio ou en un centrímetro o tamaño do pé do neno", Gonzalo Barros García, voceiro do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia.

"A zona de flexión das dedas ten que ser ampla, para os nenos por suposto, pero para os maiores tamén", Gonzalo Barros García, voceiro do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia.

O Colexio Oficial de Podólogos de Galicia recomenda materiais bos, naturais, lixeiros, transpirables e flexibles.

Sen costuras internas pero con suxeicións externas.

"Logo precisamos un pouco de suxeición, cordón, velcro... E na zona do talón, unha parte máis ríxida", Gonzalo Barros García, voceiro do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia.

"Dependendo da actividade que fagan, cambia o tipo de calzado... Baloncesto, fútbol, natación... Cambian as formas do calzado pero tamén sobre todo a superficie da sola", Gonzalo Barros García, voceiro do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia.

Cada cousa para o que é. Igual que non é aconsellable calzar a diario zapatillas deportivas, tampouco o é, por exemplo, botas de cana alta.

Aínda que variar o tipo de calzado axuda a prolongar a súa vida útil, cómpre non abusar.

"Cómpre non aproveitar os zapatos doutra persoa, a non ser que case non os usase nada... Porque os desgastes e os vicios que esa persoa lle imprimiu ao zapato, os problemas... o novo usuario vainos herdar co zapato usado", Gonzalo Barros García, voceiro do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia.

Paso a paso, os seus pés converteranse en pés adultos. A saúde de hoxe marcará a de mañá polo que os profesionais recomendan, na infancia, revisións podolóxicas anuais, con estudos biomecánicos da pegada

"Logo temos as típicas consultas de pés planos, fungos, suor...", Gonzalo Barros García, voceiro do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia.

Ou sobre verrugas plantares e problemas dermatolóxicos en xeral. Cómpre tratalos non só para curalos senón tamén para non contaxialos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/09/2019