CRTVG

Buscar

Podemos tomba a votación sobre a nova regulación de alugueiros no Congreso

Publicado o 22/01/2019 20:15

O Goberno perde no Congreso a votación sobre a nova regulación dos alugueiros. Unidos Podemos uniu os seus votos aos de PP e Ciudadanos para frustrar por primeira vez un decreto lei do Goberno Sánchez. O executivo confía en que este desencontro non se repita na tramitación dos presupostos.

É o primeiro decreto lei do Goberno Sánchez que tomba o Congreso. A norma que impulsaba o ministro Ábalos pretendía ampliar a prórroga dos contratos de alugueiro de 3 a 5 anos e poñer 20.000 vivendas sociais no mercado. Pero o proxecto non incluía a potestade para que comunidades e concellos puidesen limitar o prezo dos alugueiros, unha cuestión irrenunciable para Podemos.O PSOE xustifica o incumprimento pola necesidade de sumar a outros grupos. E xa preparan un decreto modificado.

A derrota do executivo chega en plena negociación orzamentaria, aínda que a ministra de Facenda non cre que anticipe un cambio de postura no apoio de Podemos ás contas. O Goberno si sacou adiante os outros 7 decretos lei que sometía a convalidación, entre eles a suba das pensións e a dos salarios dos empregados públicos.








 

Noticias web

22/01/2019