CRTVG

Buscar

Podemos deixa nas mans dos inscritos a posibilidade dunha candidatura con Errejón

Publicado o 29/01/2019 08:19

Podemos reacciona ante a crise aberta no partido pola decisión de Errejón de presentarse ás autonómicas de Madrid na plataforma de Carmena. A dirección recoñece que foi un golpe moi duro, pero xa non fala de traizón, senón de reconstruír pontes. E ábrese a negociar unha candidatura unitaria para a comunidade, incluso con el.

"Falaremos con todos, incluído o partido de Íñigo Errejón. E, por suposto, a nosa vontade está e vai estar sempre en atopar a máxima unidade posible para botar o PP que é a prioridade política", dixo Irene Montero.

A crise interna agravouse coa dimisión de Ramón Espinar, o responsable do partido en Madrid. Para resolvela Podemos convocou o seu Consello Cidadán Estatal. Finalmente, reunirase o mércores e pídenlle a Errejón que non vaia.

"Creo que Íñigo debe ser consecuente. Foise de Podemos, fundou outro partido e creo por tanto que nos debe deixar debater. Creo, ademais, que Íñigo debe ser responsable, igual que imos ser nós, e contribuír a que deixemos de falar de nos mesmos e que poidamos debater sobre política", apunta Montero.

De negociar unha candidatura de unidade para as autonómicas encargarase a xestora que xa dirixe Podemos Madrid. Inclúe persoas de confianza de Pablo Iglesias e deixa fóra os afíns a Errejón, os anticapitalistas e o número dous de Espinar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/01/2019