CRTVG

Buscar

Podemos negociará con Errejón unha candidatura para a comunidade de Madrid

Publicado o 31/01/2019 20:33

Podemos avense a negociar unha candidatura única con Íñigo Errejón para a Comunidade de Madrid. Iso si, antes queren elaborar a súa propia lista. Con esta decisión, o partido de Pablo Iglesias quere pechar a crise aberta tras a saída do que era o seu candidato.

O Consello Cidadán acordou pasar páxina e asumir que, a pesar de todo, o ex-número dous do partido non é un traidor, como escribiu Pablo Iglesias.

Noelia Vera, voceira de Podemos, asegurou: "Onte abriuse un novo escenario, agardo que sexa un punto de inflexión e que, a partir de agora, cada un siga o seu camiño, sen facerse dano e sen entorpercerse".

A cúpula pídelle a Errejón que non interfira nos seus tempos. Primeiro, a agrupación madrileña elaborará a candidatura de Unidos Podemos e despois negociarán con el.

"A nosa idea é falar con Carmena, falar con Íñigo e que haxa unha candidatura forte. Agora hai que ver como ser o suficientemente intelixentes e responsables para que estes dous proxectos poidan confluir" , engadiu Vera.

O acordo contenta o sector errejonista do partido. Como apunta o deputado no Congreso Segundo González, "cooperar é o que ten que facer unha forza como a nosa, porque competir é un luxo que só poden permitirse os de arriba", unha posición que comparten a maioría de líderes autonómicos de Podemos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/01/2019