CRTVG

Buscar

Podemos Galicia pregunta ás súas bases sobre unha posible coalición con Anova

Publicado o 20/02/2020 12:17
Podemos Galicia pregunta ás súas bases sobre unha posible coalición con Anova

Menos de 48 horas antes de que se peche o prazo para presentar coalicións electorais en Galicia para concorrer ás eleccións autonómicas do 5 de abril, Podemos lanzou unha consulta ás súas bases sobre a posibilidade de sumar "outras forzas progresistas" a Galicia en Común.

Con todo, desde a formación de Pablo Iglesias remarcan na súa consulta que eles deben ser a forza que ha de asumir "a iniciativa" do posible proxecto común.

Despois de que as negociacións entre Podemos e Anova avanzaran tras varias reunións entre os seus líderes Antón Gómez-Reino e Martiño Noriega, respectivamente, a formación violeta optou por preguntar á súa militancia respecto diso.

"Cres que Podemos Galicia debemos concorrer ás eleccións galegas coa fórmula dunha coalición baixo a forma de Galicia en Común e a referencia estatal de Unidas Podemos asumindo a iniciativa e sumando a outras forzas progresistas?", reza a pregunta.

Os rexistrados teñen ata as 20 horas deste xoves para votar na consulta.

As mareas de Santiago e A Coruña tamén programaron para este xoves senllas asembleas, a partir das 19:30, para ratificar a fórmula de concorrencia e posibles alianzas.

Deste xeito, as formacións do  rupturismo volven apurar ata o último momento as súas negociacións para concorrer de maneira conxunta.