CRTVG

Buscar

Unidas Podemos esixe unha reunión urxente co PSOE para abordar o pacto de goberno

Publicado o 22/10/2021 15:21

A secretaria xeral de Podemos e ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, solicitou unha reunión urxente da mesa de seguimento do acordo de coalición entre o PSOE e Unidas Podemos. "Necesitamos abordar a xestión e execución dos compromisos de coalición", manifestou nun chío en Twitter sen facer mención concreta aos puntos concretos do pacto. 

Hai dúas semanas, Pedro Sánchez e Yolanda Díaz esceneficaban ante a prensa a unidade dentro do Goberno, que se concretaba en dous acordos: o proxecto de presupostos e a futura lei de vivenda. Pero ese chío publicado a primeiras horas deste venres por Ione Belarra rompía esa boa sintonía. A causa, din os morados, é a "inxerencia" da vicepresidenta económica nas negociacións para a reforma laboral, que pilota a ministra de Traballo.

Onte mesmo, Nadia Calviño asistía ao congreso de Comisións Obreiras e afirmaba que as conversas cos axentes sociais aínda estaban verdes. "Houbo encontros e contactos preliminares pero de momento non se iniciou a fase de negociación", aseguraba a número dous do Goberno. 

Minutos despois, corrixíaa alí mesmo o líder de CCOO, Unai Sordo, recordando que "a reforma laboral leva negociándose bastantes semanas e bastantes meses", en liña co anunciado por Yolanda Díaz nos últimos días. Este mesmo luns, a vicepresidenta segunda afirmaba que "están moi avanzadas e rapidamente teremos unha proposta de reforma laboral". No Ministerio de Traballo cren que Nadia Calviño está manobrando para coordinar ela esas negociacións.

Dende a patronal xa reaccionaron. "Hoxe unha noticia, mañá outra, filtro unha, filtro outra,... sinceramente, se estás sentado na mesa é moi complicado traballar así" declaraba aos xornalistas Antonio Garamendi. Para o presidente da CEOE, "aquí non so estamos falando de emprego, estamos falando de economía, educación, de moitas cousas"

A crise interna colleu a Pedro Sánchez en Bruxelas, aínda así o PSOE asegura que a coalición goza de boa saúde.

Este anuncio prodúcese ademais horas despois de que o PSOE e o PP chegaran a un acordo para renovar os órganos constitucionais, agás o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Por outro lado, o pasado mércores Unidas Podemos reclamou á parte socialista do Goberno que a prórroga do 'escudo social', que se tratará no próximo Consello de Ministros e que a vixencia actual expira o 31 de outubro, sexa "completa e ata que sexa necesario". O espazo confederal, tras o acordo sobre o proxecto de orzamentos xerais do Estado para 2022, solicitou a derrogación da reforma laboral e a Lei de seguridade cidadá, coñecida como 'Lei mordaza'.

 

Noticias web

22/10/2021