CRTVG

Buscar

Podemos consulta desde o próximo sábado ás súas bases se apoian gobernar co PSOE

Publicado o 18/11/2019 12:52
Podemos consulta desde o próximo sábado ás súas bases se apoian gobernar co PSOE

Podemos consultará aos rexistrados se apoian o Goberno de coalición co PSOE nunha consulta que se celebrará entre o vindeiro sábado 23 de novembro e o martes 26, coincidindo coa que van realizar tamén as confluencias de EU e En Comú Podem sobre este asunto, do mesmo xeito que farán os socialistas.

A pregunta de Podemos é: "Estás de acordo en que participemos nun goberno de coalición nos termos do preacordo asinado por Pablo Iglesias e Pedro Sánchez? Si ou non".

O pasado mes de xullo antes das eleccións, as bases de Podemos xa avalaron a pretensión de poñer como condición un goberno de coalición "sen vetos" para votar si á investidura de Pedro Sánchez, e o 70 por cento das bases optaron entón por apoiar un Goberno de "coalición integral" co PSOE.

A outra opción, rexeitada pola militancia, contemplaba a posibilidade de apoiar un Goberno  monocolor do PSOE, xa fóra mediante un voto a favor ou unha abstención na investidura de Pedro Sánchez.

Naquela ocasión participaron na consulta 138.488 rexistrados dos 519.000 que podían pronunciarse -aproximadamente un de cada catro-, aínda que segundo Podemos soamente uns 190.000 son "activos", é dicir, que participaron nos últimos procesos.

Esquerda Unida convocará un referendo do 22 ao 24 de novembro para preguntar á militancia se apoia entrar no Goberno, do mesmo xeito que farán os comúns.

Consultas que coinciden coa que convocou o PSOE entre os seus militantes, tamén o sábado 23, para que avalen o preacordo asinado por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí