Podemos avisa o PSOE de que o acordo para os presupostos xerais "está lonxe"
O ministro da Presidencia Félix Bolaños continúa coa rolda de contactos. Hoxe reúnese cos voceiros de sete partidos. As negociacións para os presupostos xerais semellan que aínda están verdes, empezando polo propio socio de coalición. A ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, aseguraba nunha entrevista en TVE que "agora mesmo o acordo de Presupostos entre o PSOE e UP está lonxe".
Entre outras condicións, Podemos pide que as contas públicas inclúan unha suba do imposto de sociedades ao 15 %, algo ao que se opón a vicepresidenta económica. Para Nadia Calviño, "este é un esforzo fiscal moi importante e agora non podemos tirar pola borda o que logramos". A número dous do Goberno opina que "estes cambios haberán que facelos unha vez que teñamos o informe do grupo de expertos en febreiro do ano que vén, porque un goberno responsable ten que pensar moi ben as consecuencias das súas decisións".
Pero Podemos mantén o pulso. A ministra Ione Belarra cre que "para cumprir o acordo de goberno non fai falta ver que din os expertos", e ve difícil que os presupostos se presenten a finais de mes como anunciara o presidente.