CRTVG

Buscar

Os reproches entre PSOE e Unidas Podemos apuntan a unha investidura frustrada

Publicado o 27/06/2019 08:18

• O PSOE négao e insta a Iglesias a non votar co PP e Vox

• Sánchez e Batet vanse reunir o martes para fixar a data de investidura

• Borrell renuncia ao Parlamento Europeo para seguir como ministro

Pedro Sánchez reunirase o próximo martes coa presidenta do Congreso para fixar a data da investidura, que previsiblemente será na primeira quincena de xullo. Todo apunta a que vai ser unha investidura frustrada, porque Sánchez non suma os apoios necesarios. Unidas Podemos cre que só negociará con eles se non consegue o apoio de Ciudadanos. Cren que as negociacións co PSOE non avanzan porque Pedro Sánchez ten unha estratexia.

Irene Montero, portavoz parlamentaria de Unidas Podemos: "Decidiu, segundo nos comunicou onte, buscar o apoio da dereita, e ir a unha investidura posiblemente frustrada sen negociar nada con ningunha formación política"

Pensan que se fracasa, Sánchez aceptará as súas condicións para ser presidente nunha segunda investidura.

Pablo Iglesias, secretario xeral de Unidas Podemos: "Quérovos trasmitir tranquilidade, ese acordo de Goberno de coalición está máis cerca do que parece. Se non lle dobran o brazo a Rivera terán que negociar con nós".

Desde o PSOE negan que teñan preferencia polos votos da dereita, e pídenlle aos de Iglesias que sexan claros.

Adriana Lastra, vicesecretaria xeral do PSOE: "Que digan se van volver votar en contra dun presidente de esquerdas, dun presidente socialista como Pedro Sánchez, e ademais facéndoo da man do PP, de Ciudadanos e de Vox".

Os populares instan a Sánchez a que busque apoios e garanta a investidura.

Pablo Casado, presidente do PP: "Non depende de nós a gobernabilidade en España. Sánchez non pode seguir proxectando a responsabilidade noutros partidos nin tampouco actuar coma se tivese maioría absoluta".

O PNV advírtelle a Sánchez que, a día de hoxe, os seus votos tampouco os ten asegurados.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/06/2019