CRTVG

Buscar

Podemos aproba negociar con Errejón sobre a base dunha listaxe propia

Publicado o 31/01/2019 08:43

Minutos antes do comezo do Consello Cidadán Estatal, un chío de Pablo Iglesias afirmando que "Íñigo Errejón non é un traidor" marcaba a posición da dirección de Podemos. Desde as redes e na súa intervención telefónica, Iglesias pediu "xenerosidade e responsabilidade" para dialogar co que fora o seu número dous, e dixo que Manuela Carmena é a opción máis útil para impedir un goberno do PP.

José García Molina, secretario xeral de Podemos en Castela-A Mancha: "O que diga o secretario xeral sempre hai que telo en conta, pero o debate ímolo ter aquí nos órganos, que é onde toca. Creo que facer declaracións nos medios como temos feito estes días non axudou demasiado".

A presión dos dirixentes territoriais para non romper a unidade noutouse nunha reunión en que Iglesias, de baixa por paternidade, lles reprochou en conferencia telefónica aos do sector Errejonista que a decisión de concorrer con Más Madrid se tomase por detrás.

Errejón, finalmente, non acudiu á cita, pero todo apunta a que non renunciará a ser cabeza de lista coa súa nova plataforma.

Jorge Moruno, Podemos: "A Íñigo vetárono e entende que, se ía ser un escollo para chegar a acordos, pois que non pasa nada. Aquí o que importa é mirar cara a fóra e convencer a xente para desaloxar o PP, que é o único obxectivo: en maio, Más Madrid ou máis Gürtel".

Diego Cañamero, Podemos: "Que imos tentar de cara aos próximos comicios municipais, autonómicos e europeos, aglutinar todo o progresismo español e tamén toda a xente de esquerdas; ese ten que ser o obxectivo".

Iglesias insistiu en que considera "un erro prescindir da marca de Podemos como motor do cambio". A decisión do Consello Estatal é elaborar primeiro unha candidatura propia de unidade, para negociala posteriormente coa marca electoral de Íñigo Errejón.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/01/2019