Podemos apoiará os presupostos malia o veto ao decreto dos alugueiros
O Goberno sofre a súa peor derrota no Congreso. Perde a votación sobre a nova regulación dos alugueiros. Unidos Podemos uniu os seus votos aos de PP e Ciudadanos para frustrar por primeira vez un decreto lei do Goberno Sánchez. Malia este NON, Podemos garante o apoio aos orzamentos.
É o primeiro decreto lei do Goberno Sánchez que tomba o Congreso. A norma que impulsaba o ministro Ábalos pretendía ampliar a prórroga dos contratos de alugueiro de 3 a 5 anos e poñer 20.000 vivendas sociais no mercado.
José Luis Ábalos, ministro de Fomento: "Trátase dunha oportunidade que non podemos perder. As oportunidades preséntanse e aprovéitanse ou non se aproveitan"
Pero o proxecto non incluía a potestade para que comunidades e concellos puidesen limitar o prezo dos alugueiros, unha cuestión irrenunciable para Podemos.
Irene Montero, voceira de Unidos Podemos no Congreso: "Porque non recolle os acordos que pactamos co presidente do Goberno".
O PSOE xustifica o incumprimento pola necesidade de sumar a outros grupos. E xa preparan un decreto modificado.
Adriana Lastra, voceira do PSOE no Congreso: "Sabiamos que non ía ser doado gobernar nesta situación. Se non é hoxe, será dentro de 15 días, pero sacaremos medidas que beneficien eses 6 millóns de persoas entre todos"
A derrota do executivo chega en plena negociación orzamentaria, aínda que a ministra de Facenda non cre que anticipe un cambio de postura no apoio de Podemos ás contas. O Goberno si sacou adiante os outros 7 decretos lei que sometía a convalidación, entre eles a suba das pensións e a dos salarios dos empregados públicos.