CRTVG

Buscar

Podemos, Anova, Esquerda Unida e En Marea aínda teñen por definir a fórmula coa que se presentarán ás eleccións

Publicado o 11/02/2020 21:51

Ademais do PPdeG, os socialistas galegos e máis o BNG teñen xa candidato oficial para presentarse ás eleccións do 5 de abril. Quen aínda teñen por definir a fórmula coa que se presentarán aos comicios son En Marea, Anova, Podemos e mais Esquerda Unida. De decidir facelo en coalición, teñen de prazo ata o 21 deste mes. En Marea aínda non ten definida nin a fórmula coa que se presentará nin se Luís Villares será o candidato. Ata daquela, a intención é presentarse cunha oferta propia, pero din estar abertos ao diálogo con outras formacións.

"Nós concorreremos coa nosa oferta electoral, e durante estes días estaremos abertos a un diálogo para dar lugar a unha oferta que poida ser atractiva para a cidadanía de Galicia. Se non é antes, será despois das eleccións", di Luís Villares, de En Marea.

Podemos Galicia move ficha. Adianta as eleccións internas despois de que o domingo presentara un calendario que non prevía o anticipo dos comicios. O venres remata o prazo para presentar as candidaturas. O secretario xeral, Gómez-Reino, abre a posibilidade de converterse en candidato. O que si está claro é que negocian con Esquerda Unida e Anova concorrer conxuntamente. O prazo para presentarse en coalición remata o 21 deste mes.

"En poucos días xa saberemos a fórmula de concorrencia, e será comunicada", afirma Antón Sánchez, de Anova.
"Non esperamos que nos recoñezan unicamente polos nomes que presentamos ás eleccións senon polo que facemos", asegura Luca Chao, de Podemos Galicia.

O BNG descarta coalicións, irá en solitario. Ana Pontón foi proclamada candidata hai un mes; a confección das candidaturas da formación nacionalista está en marcha, pero terán que acelerala. Pontón interrompe o permiso de maternidade e reincorpórase á actividade decidida a liderar a alternativa.

"Voume reincorporar porque é evidente que as circunstacións e o reto que temos por diante o reclaman. Fágoo con moita ilusión porque é un desafío que este país por primeira vez poida ter unha muller á fronte da Xunta de Galicia, e nacionalista. Isto significa un cambio importante en Galicia", di Ana Pontón, voceira nacional e candidata do BNG.

No PSdeG, tamén teñen candidato. O secretario xeral éo desde hai máis dun ano. O que lles queda é confirgurar as candidaturas. Gonzalo Caballero di que os socialista galegos teñen deberes feitos.

"Estamos preparados. Temos todos os deberes feitos para xenerar o cambio político que Galicia necesita. Para facelo desde os valores do progresismo, do galeguismo, do feminismo, do compromiso ecolóxico e coa política próxima á cidadanía", afirma Gonzalo Caballero, secretario xeral e candidato do PSdeG.

O Parlamento quedou disolto este martes. A Deputación Permanente será agora a que vele polos poderes da Cámara ata que se constitúa o novo parlamento.

Noticias web

11/02/2020