CRTVG

Buscar

O cisma no independentismo bloquea o Parlament

Publicado o 27/01/2020 20:00

• Torra esíxelle a Torrent manter o seu escano, pero ERC rexeita desobedecer a Xunta Electoral

• JxCat renuncia a votar en solidariedade con Torra, que deixou de ser deputado, e as contas do Parlament son rexeitadas

• Manifestantes cruzan contedores nas rúas de Barcelona tras intentar superar, sen éxito, o cordón policial do Parlament

 

 

Xa empezara o pleno cando Quim Torra entrou no hemiciclo. O presidente do Parlament dirixiuse a el para confirmarlle a decisión que unha hora antes tomara a Mesa: que lle retiraban o escano, e que non podía votar.

"Hoxe non podemos contabilizar o seu voto. O contrario suporía a parálise do Parlamento".

Quim Torra pediu a palabra. Apelou aos deputados independentistas para esixirlles que o manteñan no escano, e retou expresamente o presidente do Parlamento, de Esquerra Republicana.

"Pídolle expresamente, presidente, que garanta os meus dereitos como deputado como fixo sempre".

Os deputados de Junts per Cataluña aplaudiron en pé a intervención de Quim Torra, ao que se dirixiron sempre como deputado e presidente. Os de Esquerra Republicana permaneceron sentados e en silencio.

Simbolizábase así a fractura entre os dos partidos independentistas, socios de goberno.

O pleno continuou con lea. E mesmo se suspendeu uns minutos tras a intervención de Ciudadanos. 

Lorena Roldán, Ciudadanos:  "É un delincuente con todas as letras, un delincuente".

Máis sosegados, o PSC, en Comú Podem e o PP pedíronlle a Torra que convoque eleccións. 

Miqel Iceta: "Vale a pena seguir nestas condicións ou vale a pena volver á vontade popular á que vostede apela?".

A intervención dos grupos independentistas evidenciou novamente a fractura. Junts per Cataluña pediu a suspensión do pleno e presentou unha moción para buscar maneiras de restituír a Torra como deputado. 

Albert Batet, JxCat: "Ten unha oportunidade para recuperar a unidade do independentismo".

Sergi Sabriá, ERC: "Se se aposta outra vez pola desobediencia estéril, estarémoslle facendo o xogo ao Estado".

O pleno continuou co debate de presupostos. Durou apenas unha hora. Os orzamentos non saíron adiante. Junts per Cataluña e Esquerra abstivéronse na votación e deixáronos caer.

 

 

Noticias web

27/01/2020