CRTVG

Buscar

Plátanos solidarios en Valdoviño

Publicado o 05/10/2021 14:32

A idea de facer unha venda solidaria partiu do matrimonio que rexenta a cafetería do colexio público de Atios, en Valdoviño. E á dirección do centro pareceulle ben. 

Mariel Vázquez rexenta a cafetería do colexio e di que: "Todos os españois estamos impactados co que está pasando. Somos un máis, como di o cartel. A ver se luns, martes e mércores somos todos un pouco A Palma, como nos axudaron no Prestige, que viñeron de todos os lados axudarnos".

A diario fomentan as merendas saudables a base de froita e unha iniciativa solidaria coa illa da Palma tiña que ter o plátano como protagonista. 

Mariel asegura que "hai moito entusiasmo. A xente está respondendo moi ben. Irmáns maiores, exalumnos comunicáronse con nós, avós que queren colaborar. A familia do Atios é moi grande, moi boa e moi solidaria".

No colexio estudan 540 alumnos de tres a dezaseis anos, e esta iniciativa xa deu pé a que nas aulas se fale da erupción da Palma. Os máis pequenos fixeron estes debuxos tan expresivos e os doutros cursos serán os encargados de contar cos seus profesores o diñeiro recadado. 

"Abre moitas portas nun colexio unha iniciativa así. A solidariedade, contar o diñeiro, saber onde vai... É unha cousa moi boa".

Todo o que se recade ata mañá mércores vai ingresarse nunha conta aberta polo Cabido da Palma, que é o organismo administrativo da illa.

Noticias web

05/10/2021