CRTVG

Buscar

Plantan mil carballos para rexenerar os montes queimados no concello de Melón

Publicado o 14/04/2018 15:09

Dende hoxe mil novos carballos ocupan os montes do concello ourensán de Melón arrasados no mes de outubro polos incendios forestais. É a sexta acción deste tipo que se desenvolve para rexenerar a zona e desta volta foron maioritariamente cativos os que a levaron a cabo. Todo, din, para botarlle unha man á natureza e que algún día o monte poida recuperar o seu aspecto habitual.

En apenas dous días o lume levou por diante nestes montes do Tourón e as zonas próximas case seil mil hectáreas. Foi nos incendios do mes de outubro, e dende aquela lonxe de baixaren os brazos a comunidade de montes e a asociación Amigos da Terra puxéronse mans a obra. Primeiro asentaron o terreo calcinado con palla, agora toca plantar novas árbores. Hoxe contan coa axuda do grupo de Scouts de Ourense. 

Ademais de recuperaren as zonas forestais arrasadas polo lume, buscan tamén mobilizar e sensibilizar a sociedade.

O Goberno ratificou onte a declaración de emerxencia de obras para paliar os danos nesta zona e tamén noutros sete concellos da provincia de Pontevedra onde arderon case nove mil hectáreas. Investiranse tres millóns de euros no tratamento da vexetación, a mellora das infraestruturas e a creación de discontinuidades en valgadas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/04/2018