CRTVG

Buscar

Plantan árbores nas fochancas dunha pista entre Sarria e Láncara para protestar polo seu mal estado

Publicado o 30/12/2019 13:41

Na pista que une Fontabuín, en Sarria, coa Reboleira, en Láncara, plantaron varias árbores de maneira simbólica para protestar polo seu mal estado. Os usuarios instalaron dous cañotos en senllas fochancas das moitas que teñen que esquivar para circular por esta vía. Quéixanse de que algúns condutores mesmo sufriron danos graves nos seus vehículos, polo que moitos procuran evitar pasar por aquí aínda que teñan que dar un rodeo de máis de cinco quilómetros.

"O que está pasando é que non a arranxan. Eu, moitas veces, en vez de vir por aquí, vou polo outro lado para non estragar máis o coche. Vou polo lado de abaixo, de Corvelle, e subo pola Reboleira, porque por alí está ben. No concello de Láncara téñeno bastante ben, pero isto é de Sarria, e non hai maneira. Dinche que si, pero cada día peor. Ben se ve que hai que meterse na beiravía para pasar porque polo medio rompes as rodas".

Esta forma de protesta vén motivada pola demora á hora de arranxar o firme da estrada. Segundo sinalan os usuarios, xa levan tempo queixándose do mal estado da pista, sen que polo de agora se fixese nada para emendalo.

"Paréceme ben, porque levamos por aí un ano que xa lle dixemos ao alcalde que nos arranxase a pista e dixo que ía pasar por aquí pero nunca o vin pasar. Entón rompen rodas, rompen amortecedores e estropeamos todo, e isto segue igual. Aínda o novo alcalde dixo que ía arranxalo, porque botara catro anos o outro alcalde sen facer nada, pero vexo que está facendo o mesmo".

Así e todo, algúns usuarios critican esta forma de protesta pola perigosidade que entraña, sobre todo pola noite.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/12/2019