CRTVG

Buscar

Planean derrubar as casas ocupadas de xeito ilegal no barrio lugués do Sagrado Corazón

Publicado o 23/02/2021 14:09

Parte das casas ocupadas de maneira ilegal no Sagrado Corazón, en Lugo, van ser derrubadas debido ao perigo que supón o seu mal estado. Unha firma luguesa farase cargo da demolición en canto sexan desocupadas, un proceso que se pode prolongar posto que se debe desafiuzar os ocupantes pola vía xudicial. Mentres, as lousas soltas ou os canos rotos son algúns dos elementos que corren o risco de caer sobre os viandantes.

"Están moi deterioradas. Ao tellado non lle fixeron ben os temporais deste ano, polo que hai desprendementos de lousas", sinala un veciño.

Xosé Manuel Carballo, presidente da asociación veciñal Porta de Lugo, di que "o primeiro é que poidan caer partes da fachada ou do tellado da casa cando hai invernía ou vendavais. E o segundo é a cuestión sanitaria, que poida haber ratas que se vaian espallando aos outros edificios".

Segundo denuncian os veciños, a ocupación ilegal tamén entraña perigo, xa que hai constancia de enganches ilegais da luz. Piden, por tanto, que se busque unha alternativa para os ocupantes co fin de que se poida axilizar a demolición dos inmobles.

"O que nos di o Concello é que mentres sigan as casas ocupadas non se vai solucionar o problema. Eu creo que terán que facer dalgunha forma para sacar esa xente de aí e solucionarnos o problema, tanto por eles e polos demais veciños", engade un residente na zona.

As vivendas afectadas tamén carecen de auga corrente, polo que os ocupantes ilegais viven en condicións de insalubridade.

Noticias web

23/02/2021